Tétano

Doenza de orixe bacteriano

O tétano[1] é unha enfermidade seria e frecuentemente mortal provocada por unha potente neurotoxina, a exotoxina tetanoespasmina, producida pola bacteria Clostridium tetani, bacteria grampositiva e anaeróbica. Esta neurotoxina penetra nas fibras nerviosas motoras periféricas ata chegar ao sistema nervioso central.

Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Clostridium tetani

Foi documentada por primeira vez por Hipócrates e existen datos antigos desde o século V antes de nosa era en que se describe esta enfermidade. A inmunización pasiva contra o tétanos levouse a cabo por primeira vez durante a primeira guerra mundial.

En 2011 diagnosticáronse en España 10 casos (1 en Galicia), o que significa unha prevalencia do 0,02 por 100.000 habitantes, cunha única morte; obsérvase un marcado descenso na serie histórica, grazas ás campañas sistemáticas de vacinación: en 2000 a prevalencia era de 0,07 casos por 100.000 (en 2010 houbo 4 mortes por esta causa) [2].

Etioloxíaeditar

O causante do tétano e o bacilo gram positivo Clostridium tetani, bacteria móbil anaerobia estrita.[3] Dita bacteria forma esporas de forma esférica, pero produce unha prolongación nun extremo do microorganismo que lle confire un aspecto característico de cravo. Coñécense 10 tipos de C. tetani, todos os cales producen cando menos dúas exotoxinas. Unha delas é unha hemolisina sen importancia clínica, pero a outra, a tetanoespasmina ou máis comunmente coñecida como toxina tetánica é a causante das manifestacións clínicas. As diferentes tetanospasminas producidas polas distintas cepas de C. tetani pódense neutralizar cunha mesma antitoxina.[4]

O bacilo C. tetani pódese atopar na terra (especialmemte na terra de cultivo), nas feces e intestinos de cabalos, ovellas, gando bovino, ratas, cans, coellos de Indias, polos, e até no intestino dunha persoa sa (35%).[3] As súas esporas pódense atopar na terra ou na superficie da pel (tanto a de animais como humanos) e debaixo das uñas.

Patoxeniaeditar

A enfermidade só aparece despois de que o microorganismo ou as súas esporas penetran nos tecidos e producen a toxina. A entrada prodúcese normalmente por unha ferida ou laceración das extremidades, aínda que pode haber outras causas (infección dental, otite, queimaduras ou cirurxía). Non se trata polo tanto dunha bacteria invasora que poida provocar unha infección polos seus propios medios.[4]

Son feridas con risco as mordeduras, queimaduras e feridas incisas ou aquelas producidas en lugares en que haxa excrementos de animais ou humanos.

Mentres que a infección da bacteria é local, a súa toxina pode chegar ao sistema nervioso onde actúa e provoca as manifestacións clínicas. A tetanoespasmina actúa nas neuronas do sistema periférico a nivel das sinapses, desnihibindo os estímulos aferentes que chegan ao sistema nervioso central dende a periferia, provocando rixidez muscular xeneralizada. Todos os efectos da toxina son reversibles no caso de recuperación do paciente.[4]

O tempo que vai dende a lesión e aparición dos síntomas, coñecido como período de incubación, pode variar entre os 2 e 56 días, aínda que na maioría dos casos os síntomas aparecen nas primeiras dúas semanas. A duración do período de incubación e a gravidade da doenza están en relación inversa.[4] Polo xeral, canto máis afastado do sistema nervioso central estea o punto de entrada, máis longo é o período de incubación.[Cómpre referencia]

Hai tres formas clínicas de tétano diferentes: local (pouco común), cefálica (rara) e xeneralizada (a máis común). O tétano xeneralizado corresponde ao 80% de todos os casos de tétano.

Síntomaseditar

O primeiro síntoma do tétano é a rixidez nos músculos da mandíbula (denominada 'trismo') seguido de rixidez no pescozo e costas, dificultade para tragar e rixidez muscular no abdome. Conforme avanza a afectación dos músculos a rixidez xeneralízase, podendo chegar a producir espasmos musculares xeneralizados, dorso arqueado (opistótonos)[5], espasmo de glotis e dificultade para respirar, aínda que a intensidade e secuencia varían moito.[4]

Conforme a doenza avanza os espasmos e contraccións musculares increméntanse en intensidade, duración e frecuencia, podendo ser provocados por estímulos emocionais ou visuais. Os síntomas poden persistir durante 3 ou 4 semanas, desaparecendo por completo nos individuos que superan a doenza. Unha recuperación completa pode levar varios meses.[4]

Curvatura espasmódica do corpo cara atrás: opistótonos. O mesmo fenómeno con curvatura cara adiante chámase emprostótonos[6].

Algúns dos síntomas característicos do tétano son:

  • rixidez dos músculos e espasmos musculares (mandíbula, cuxa rixidez tamén se coñece como trismo, cara, abdome, membros superiores e inferiores);
  • febre e pulso rápido;
  • dificultade para tragar;
  • apnea;
  • contracción do corpo enteiro de tal xeito que se mantén alombado: cara a atrás (opistótonos) ou ben cara a adiante (emprostótonos).[7]

O tétano neonatal é unha forma especialmente grave desta doenza.[4]

Diagnóstico diferencialeditar

O tétano ten elementos clínicos que poden facer que se confunda con outras patoloxías, entre elas[8]:

  • tetania hipocalcémica
  • reaccions distónicas das fenotiazinas
  • hiperventilación por ataques de histeria
  • Encefalite grave
  • Rabia, neste caso non se presenta trismo.
  • Intoxicación por estricnina. Distínguese do tétano por afectar máis ás extremidades, espacialmente as mans, falta de rixidez muscular nos períodos entre espasmos e elevar a presión sanguínea.
  • Meninxite
  • Triquinose, diferénciase cunha análise de sangue.
  • Apoplexía

Prevencióneditar

O tétano pódese previr mediante a vacinación. Un recordo da vacina é recomendable cada dez anos. Polo xeral, dáse unha vacina cada vez que un paciente sofre unha picada ou unha ferida cando non se ten a certeza da súa vacinación.

Recoméndase a vacina en traballadores que estean en contacto coa terra ou con animais (agricultores, gandeiros, xardineiros), aqueles que estean en contacto con augas negras, ademais dos que poden sufrir feridas traumáticas.

Tratamentoeditar

A ferida débese limpar ben, retirar o tecido morto e deixala exposta ao aire xa que o osíxeno mata as bacterias anaeróbicas. A penicilina (tetraciclinas en pacientes alérxicos) e a metronidazol axudan a reducir a cantidade de bacterias pero non teñen ningún efecto sobre a neurotoxina que producen. Tamén se debe administrar inmunoglobulina humana antitetánica (soro antitetánico), para neutralizar a toxina circulante que aínda non se uniu ás terminacions nerviosas. Son parte importante do tratamento o emprego de sedantes e relaxantes musculares, ademais de manter unha correcta hidratación.[3]

Prognósticoeditar

O prognóstico depende moito da duración do período de incubación da doenza. Case sempre é letal con períodos de incubación de entre 1 e 5 días, son casos graves entre 6 e 10 días, e leves se a incubación supera os 10 días.[8]

Entre o trinta e o cincuenta por cento dos pacientes con tétanos morren, moitos dos cales son persoas maiores. No países en desenvolvemento a taxa de mortalidade pode chegar a ser dun 60%.

Notaseditar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tétano.
  2. Centro Nacional de Epidemiología. Instituto de Salud Carlos III: Resultados de la vigilancia epidemiológica de las enfermedades transmisibles. Informe anual 2011. Madrid 2013.
  3. 3,0 3,1 3,2 Farreras, P.; Rozman, C. (1978). Medicina Interna (en castelán) 2 (9ª ed.). Barcelona: Marin S.A. pp. 892–5. ISBN 84-7102-980-4. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Braunwald, Eugene; Isselbacher, Kurt J., eds. (1989) [1987]. "3". Harrison's Principles of Internal Medicine [Principios de Medicina Interna] (en castelán) 1 (11ª (7ª en castelán) ed.). México D.F.: Interamericana McGraw-Hill. pp. 688–692. ISBN 968-422-070-7. 
  5. Dorland (1986). Dicionario enciclopédico ilustrado de medicina (en castelán) 3 (26 ed.). Madrid: Interamericana - W.B. Saunders. p. 1563. ISBN 84-7605-223-5. (En Ourense)
  6. Dorland (1986). Diccionario enciclopédico ilustrado de medicina (26ª ed.). Madrid: Interamericana - W.B. Saunders. p. 492. ISBN 84-7605-223-5. 
  7. Christoph Wilhelm Hufeland. Tratado completo de medicina práctica (libro completo dispoñible en español), publicado por Librería de D. Ángel Calleja, editor, 1848; p. 248. Procedente da Universidade Complutense de Madrid. Dixitalizado o 1 Sep 2008.
  8. 8,0 8,1 Farreras, P.; Rozman, C. (1978). Medicina Interna (en castelán) 2 (9ª ed.). Barcelona: Marin S.A. p. 894. ISBN 84-7102-980-4. 
🔥 Top keywords: Segunda guerra mundialPortadaÁcido desoxirribonucleicoVirusRepública Popular da ChinaMetabolismoRosa LuxemburgEspecial:Cambios recentesEspecial:ProcurarDallas MavericksMódulo:ArgumentosAngkor WatCarles PuigdemontFernão de MagalhãesBaltimoreBaike: Entradas de Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXIComunismoIslamRakel WinchesterCapitalismoAntigo ExiptoComunistaAmérica do NorteBaike: A Taberna (políticas)LiberalLiberalismoDistritos de PortugalNoelia ReyDemocraciaMacedonia do NorteFísicaManuel MongeThe ArtistPolíticaBaike: Lista de artigos que toda Wikipedia debería terFilipe II de EspañaBermudasDitaduraCaso Asunta BasterraNacionalismoProxyMarianneEstados Unidos de AméricaMesopotamiaImperio españolAnálise numéricaAirbus A350Baike: Lista de mulleres con artigo na Wikipedia en galegoHerculanoBélxicaRichard SerraCarlos X de FranciaTeobrominaUsuario:Wikiportas/Manuel Buceta del VillarReloxoBilbaoTom HanksAno (astronomía)Lingua romancheArenqueDavid BroncanoMitocondria22ª edición dos Premios Mestre MateoBaike: AxudaPosicións sexuaisEdiciones AgoeiroXúpiterIlyushin Il-76Ángel Alvariño SaavedraGaliciaAWStatsFátima PegoMarxistaMarxismoRaquel AtanesCanle (comunicación)Baike: Acerca deBaike: Portal da comunidadeBaike: Artigos de calidadeMáximo común divisorMaría JamardoGran DepresiónImperialismoPedro RieloCategoría:Mestres de GaliciaMalariaTesalónicaAxuda:Cambios relacionadosCulturaKarl MarxBaike: Libro de estiloBaike: Lista de mulleres de Cataluña segundo WikidataJorge C. AlonsoAeroporto de Newark LibertyBaike: Lista de persoas nadas na provincia da Coruña segundo WikidataFroufe, O IrixoGran Premio do Canadá de 2014Sacro Imperio Romano XermánicoBaike: Actualidade